Elaboración de aceites medicinais

A elaboración de aceites medicinais resulta moi fácil e adecuada para elaborar as plantas e conservar as súas propiedades dunha forma moi apropiada para utilizar directamente, sen as demoras que supón a elaboración dunha auga ao dun emplasto. Só debemos estar atentas, agora que ven o tempo de primavera, para escoller e recolectar as plantas limpas e saudábeis e adicar-lle un tempo a súa elaboración.

Co seguinte método preparar aceites medicinais é moi simple. Como consello, non fagas enormes cantidades que logo mesmo che resultará imposible utilizar:

– Picamos a herba finamente ou machucámola nun almofariz, ou mesmo a podemos triturarse é herba seca.

– Colocámola nun tarro de vidro e cobremos de aceite.

– Deixamos macerar nun lugar cálido e con luz suave de 2 a 6 semanas. Nalgúns casos recomendase macerar ao sol, como o aceite de hipérico. Compre axitar regularmente.

– Filtrar con unha tela de algodón ou un filtro de papel.

– Conservar nun lugar escuro e fresco.

A marabilla é moi sensíbel a acción directa do sol, neste caso é mellor protexer o recipiente nas horas en que o sol incida directamente nel.

Outro problema común que pode xurdir é que o aceite enrancie ou colla mofo. Normalmente isto sucede porque o aceite non recibe suficiente calor para evaporar a auga. Se isto che ten acontecido podes solucionalo dos seguintes xeitos:

-Busca un lugar mais cálido para colocar a maceración. Pode ser unha xanela na que incida o sol. Durante os primeiros días e as horas de mais calor, deixa o recipiente aberto para que se evapore a auga. Verás que se non o fas, o vidro encherase de bafo procedente da herba. Esta auga pode ser prexudicial para o aceite se non consigue saír!

Se che preocupa que o aceite caia, entre po, etc, podes cubrilo con un pano de tea, amarrado con un elástico a boca do tarro. Outra opción é cubrilo con un pano de papel e logo tapalo. Cada día cambias o pano, que irá absorbendo a humidade sobrante.

– Deixa secar as flores durante un par de días, estendidas sobre unha rede ou sobre papel sen tintar, tipo estraza. Perderán boa parte de esa humidade que logo crea problemas na elaboración do aceite.

Elaborar aceites medicinais é moi sinxelo, e unha vez que teñas un mínimo de práctica verás como podes prescindir de boa parte do botiquín ou dos aceites cosméticos que tiñas utilizado ata entón. Busca plantas polas que te sintas atraída, que desfrutes coa sua elaboración, e perde eses medos que nos teñen inculcado tan profundamente sobre utilizar plantas silvestres: déixate fluír cara o lado salvaxe!

A elaboración de aceites medicinais é sempre un dos puntos de partida en calquera obradoiro sobre cosmética dos que realizo, e tamén unha das receitas que traballamos con moitas das herbas que vemos nos cursos de plantas medicinais. Ademais deste temor á utilización de plantas vivas na preparación de remedios e ingredientes cosméticos, tamén percibo unha gran dificultade para animarnos a reinventar ingredientes comúns, das nosas cociñas, das nosas hortas, e trasladalos a estas outras facetas, distintas das de “comestibles”.

O aceite de oliva é, sen dúbida, un dos mellores aceites cosméticos que existen. A súa elevada untuosidade como a súa grande afinidade co sebo humano, converten este aceite nun medio idóneo para preparar plantas medicinais para actuar sobre a pel, como un ingrediente cosmético de primeira orden. É moi resistente ao arranciamento, o que minimiza as posibilidades de que o noso aceite ou a nosa roupa cheire a unto un par de meses despois de telo elaborado. Só o misticismo que existe co “exótico” explica que moitas veces prefiramos outros aceites. A nosa situación xeográfica fai que o aceite de oliva sexa un ingrediente adquirible, o cal é todo un privilexio. Podemos ata facer xabón con el!

Así que, sen esperar mais, saíde a buscar marabilla e sacade o aceite da lacena. Tan fácil como iso!

(por suposto, se queredes utilizar aceite de améndoas, xirasol, pebida de uva,.. ou calquera outro, podedes!)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *