Posibles confusións: Marabilla silvestre

Existe un tipo de persoa que só é capaz de diferenciar plantas con criterios moi amplos: “están as árbores e logo as outras, as que son herbas, e entre estas hainas de flores brancas, de flores amarelas e logo as rosas, que poden ter flores de cores diversas”.

Se es de este tipo de persoas necesitas algo mais que un artigo nun blog para orientarte a hora de apañar plantas silvestres con unha intención que vaia alén da de encher un floreiro. Informa-te! Dou cursos por toda a xeografía galega!

Para o resto das mortais, que somos a maioría, a maior dificultade procede de non ter unha información moi ben elaborada para, sobre todo, librar-nos do medo a envenenar-nos.

A miña humilde intención é a de poder axudar a aquelas persoas que sentides necesidade de achegarvos ás plantas silvestres, a utilizar sen medo un número de plantas suficientes para aliviar os vosos pequenos -e non tan pequenos- problemas de saúde.

Dito isto, e como eu non son o lobo que envia a carapuchinha polo caminho mais longo, vou-vos tentar axudar cos meus videos e os meus artigos a facilitarvos este caminho (que eu si que andei!).

Nas minhas entradas anteriores faleivos da marabilla silvestre, Calendula arvensis, e da herba das anadas, Ranunculus ficaria. Penso que podedes identificar a herba das anadas cunha nula marxe de erro (non sendo que sexades do tipo de xente que falei ao principio!) se seguides as dicas para identificación do vídeo.

Para a marabilla a cousa pode ser que se complique un pouco, pois son unhas cantas as flores compostas con unha morfoloxía un tanto similar. A continuación fálovos das posibles confusións, de como diferencialas e douvos uns enderezos web fabulosos para identificar plantas da Galiza. Todas as fotos do artigo (excepto a dos Maios) son tamén tiradas desta web da Sociedade Portuguesa de Botânica.

Flora-On: Flora de Portugal Interactiva. (2014). Sociedade Portuguesa de Botânica. www.flora-on.pt.

Para a marabilla podemos encontrar info aqui:

https://flora-on.pt/index.php#/0EbdV

Confusión 1: Chrysanthemum segetum

https://flora-on.pt/index.php#/1chrysanthemum+segetum

Que podedes diferenciar claramente polas follas, xa que as desta herba son moi recortadas. Lembrade sempre que a marabilla ten as follas enteiras, sen recortes nin lóbulos de ningún tipo, e deixaredes fora todas as posibles confusións deste tipo.

Confusión 2: Lepidophorum repandum

https://flora-on.pt/?q=Lepidophorum+repandum

Esta planta é moito menos comun que a marabilla. Ollade as follas, tamén se diferencian por esas beiras serradas, moito mais do que poden aparecer na marabilla.

Confusión 3: Pampillo,Coleosthephus myconis

Se cadra a confusión máis habitual pode darse co “pampillo”, que coñecemos ben quen celebramos a festa dos Maios, pois con estas flores se tecen os colares para engalanar estes tótems da primavera. Son unha planta moi común. Os pampillos teñen flores moito máis grandes e a súa floración é posterior, de modo que se andamos a principios da primavera (febreiro-marzo) a buscar marabillas, é posible que aínda non nos crucemos con pampillos.

https://flora-on.pt/index.php#/1coleosthephus+myconis

E agora, exame final. Cal destas flores é de marabilla?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *