Xa na rua! Remedios da nosa horta medicinal

A horta tradicional forneceu á casa de comida, pero tamén de medicina. Ao longo das páxinas deste libro, presentovos por volta de 40 plantas comúns nas hortas galegas que son remedios, convidándonos a transformar as nosas hortas, xardíns e balcóns nunha botica viva

Moitos dos remedios recollidos nesta guía poden resultar familiares, porque son as mesmas receitas e están elaborados coas mesmas herbas que utilizaban as nosas avoas. Foron seleccionados desde o convencemento de que a medicina que necesitamos está aquí, aos nosos pés, recusando os remedios exóticos e as panaceas que nos ofrece a industria baixo a etiqueta de “natural”, pero sen ignorar que a medicina popular ten que estar viva e, polo tanto, permeábel a novos coñecementos e novas adquisicións.

Coa convicción de que os saberes tradicionais sobre plantas medicinais non son soamente historia, nin deben ficar ancorados no pasado ou convertidos en obxectos de museo, esta guía ofrécenos un punto de partida para comezar a tecer na vella rede da medicina popular coas nosas propias experiencias e a formar parte da cadea de transmisión da sabedoría ancestral do noso pobo sobre autoxestión da saúde.

http://www.crtvg.es/rg/destacados/a-tarde-a-tarde-do-dia-08-05-2019-4107439

Curso en Ourense

Das preto de 1.400 especies de plantas silvestres que podemos topar no noso entono, ao redor de 200 teñen consideración de medicinais e unha longa tradición no se uso farmacolóxico, desde a medicina popular ou tradicional ate a moderna fitoterapia.

Un sentimento crecente nos está a levar cara a re-consideración do noso estilo de vida e da nosa relación coa natureza. É desde esta necesidade de buscar a harmonía que a utilización de plantas medicinais do noso entorno ou cultivadas por nós e a participación activa na nosa sanación e na das persoas que queremos, está a facerse un oco nas nosas consciencias. Por isto é que a medicina popular, baseada na utilización de herbas medicinais, non é soamente historia.

Obxectivo

O obxectivo de este curso é colocar un primeiro chanzo orientado a adquirir certa autonomía a hora de procurar solucións aos nosos pequenos (e non tan pequenos) problemas de saúde, familiarizando-nos coas plantas medicinais mais comúns, as súas virtudes, a sua elaboración,…

Contidos xerais

Identificación de plantas medicinais: Chuchamel, cecimbra, parietaria, cedroña,… son herbas que nacen nas nosas hortas, mesmo ás portas das nosas casas, que moitas veces non sabemos nen nomear, menos as súas propiedades curativas. Veremos por volta de 50 herbas medicinais, na medida do posíbel (polo momento do ano) vivas, acompañando o curso con elas ou ben apoiándonos en fotos e proxeccións.

-Achegámonos a un dos momentos mais importantes para a botica tradicional, xa que ao redor do SanXoán apáñanse unha boa mao dos remedios máis importantes aos que recorreremos durante todo o ano. Adicaremos especial atención á maxia do ramo de San Xoán, e tentaremos dominar os coñecementos suficientes para poder elaboralo.

Elaboración das plantas medicinais: colleita (momento do ano, lúas,…), secado e conservación,….Introducirémonos no mundo da alquimia elaborando algúns preparados básicos con herbas, desde as infusións mais clásicas ate tinturas, aceites, emplastos, bálsamos, emulsións (cremas)… para ir dando forma ao noso receitario persoal.

Ampliación de coñecementos. Bibliografía, artigos, fotografías, web.

Programa

a) Introdución.

– Plantexamento xeral do curso. Presentación e partilla de coñecementos.

– Elaboración de unha guía individual, que ao longo da exposición dos contidos iremos completando coas nosas plantas “chave”.

b) As plantas medicinais:

– Introdución á elaboración das plantas: colleita, secado, conservación, preparados (tisanas, emplastos, pomadas,…)

– Claves para a identificación e usos medicinais das herbas silvestres e adventicias. Herbas da horta, herbas dos campos e herbas dos camiños. Colleita e preparación. Receitas.

– Herbas medicinais cultivábeis.

c) Receitario e práctica de elaboración de preparados medicinais.

– Primeiros pasos: ingredientes, materiais, seguranza e hixiene, almacenaxe e etiquetado.

– Preparados vexetais para uso interno (infusións, xaropes, tinturas,..)

– Preparados vexetais para uso externo (bálsamos, aceites, tinturas, linimentos,..)

– Práctica: Elaboración dun bálsamo medicinal.

*Os produtos realizados durante as prácticas serían para que cada persoa asistente poda levar unha mostra para a sua casa.

d) Saída.

Paseo pola zona para recoñecer as plantas adventicias e silvestres que temos mais próximas.

Duración

9 horas.

Asistencia

Máximo 20 persoas.

Materiais

-O curso inclue os materiais necesarios para a elaboración dos aceites, bálsamos, tinturas e linimentos que cada persoa realizará durante o curso e levará logo para a sua casa;

-materiais de apoio, que inclúen:

1) guía de elaboración de plantas medicinais

2) guía coas principais plantas medicinais utilizadas na medicina tradicional

3) diversos materiais en formato dixital para ampliar a información

Localización:

https://www.google.com/maps/place/R%C3%BAa+Mercado,+5,+32001+Ourense/@42.3475647,-7.8699485,17z/data=!3m1!4b1!4m5!3m4!1s0xd2ffeb236b76fab:0x96e0fd2523cf1e25!8m2!3d42.3475647!4d-7.8677598

Posibles confusións: Marabilla silvestre

Existe un tipo de persoa que só é capaz de diferenciar plantas con criterios moi amplos: “están as árbores e logo as outras, as que son herbas, e entre estas hainas de flores brancas, de flores amarelas e logo as rosas, que poden ter flores de cores diversas”.

Se es de este tipo de persoas necesitas algo mais que un artigo nun blog para orientarte a hora de apañar plantas silvestres con unha intención que vaia alén da de encher un floreiro. Informa-te! Dou cursos por toda a xeografía galega!

Para o resto das mortais, que somos a maioría, a maior dificultade procede de non ter unha información moi ben elaborada para, sobre todo, librar-nos do medo a envenenar-nos.

A miña humilde intención é a de poder axudar a aquelas persoas que sentides necesidade de achegarvos ás plantas silvestres, a utilizar sen medo un número de plantas suficientes para aliviar os vosos pequenos -e non tan pequenos- problemas de saúde.

Dito isto, e como eu non son o lobo que envia a carapuchinha polo caminho mais longo, vou-vos tentar axudar cos meus videos e os meus artigos a facilitarvos este caminho (que eu si que andei!).

Nas minhas entradas anteriores faleivos da marabilla silvestre, Calendula arvensis, e da herba das anadas, Ranunculus ficaria. Penso que podedes identificar a herba das anadas cunha nula marxe de erro (non sendo que sexades do tipo de xente que falei ao principio!) se seguides as dicas para identificación do vídeo.

Para a marabilla a cousa pode ser que se complique un pouco, pois son unhas cantas as flores compostas con unha morfoloxía un tanto similar. A continuación fálovos das posibles confusións, de como diferencialas e douvos uns enderezos web fabulosos para identificar plantas da Galiza. Todas as fotos do artigo (excepto a dos Maios) son tamén tiradas desta web da Sociedade Portuguesa de Botânica.

Flora-On: Flora de Portugal Interactiva. (2014). Sociedade Portuguesa de Botânica. www.flora-on.pt.

Para a marabilla podemos encontrar info aqui:

https://flora-on.pt/index.php#/0EbdV

Confusión 1: Chrysanthemum segetum

https://flora-on.pt/index.php#/1chrysanthemum+segetum

Que podedes diferenciar claramente polas follas, xa que as desta herba son moi recortadas. Lembrade sempre que a marabilla ten as follas enteiras, sen recortes nin lóbulos de ningún tipo, e deixaredes fora todas as posibles confusións deste tipo.

Confusión 2: Lepidophorum repandum

https://flora-on.pt/?q=Lepidophorum+repandum

Esta planta é moito menos comun que a marabilla. Ollade as follas, tamén se diferencian por esas beiras serradas, moito mais do que poden aparecer na marabilla.

Confusión 3: Pampillo,Coleosthephus myconis

Se cadra a confusión máis habitual pode darse co “pampillo”, que coñecemos ben quen celebramos a festa dos Maios, pois con estas flores se tecen os colares para engalanar estes tótems da primavera. Son unha planta moi común. Os pampillos teñen flores moito máis grandes e a súa floración é posterior, de modo que se andamos a principios da primavera (febreiro-marzo) a buscar marabillas, é posible que aínda non nos crucemos con pampillos.

https://flora-on.pt/index.php#/1coleosthephus+myconis

E agora, exame final. Cal destas flores é de marabilla?

Elaboración de aceites medicinais

A elaboración de aceites medicinais resulta moi fácil e adecuada para elaborar as plantas e conservar as súas propiedades dunha forma moi apropiada para utilizar directamente, sen as demoras que supón a elaboración dunha auga ao dun emplasto. Só debemos estar atentas, agora que ven o tempo de primavera, para escoller e recolectar as plantas limpas e saudábeis e adicar-lle un tempo a súa elaboración.

Co seguinte método preparar aceites medicinais é moi simple. Como consello, non fagas enormes cantidades que logo mesmo che resultará imposible utilizar:

– Picamos a herba finamente ou machucámola nun almofariz, ou mesmo a podemos triturarse é herba seca.

– Colocámola nun tarro de vidro e cobremos de aceite.

– Deixamos macerar nun lugar cálido e con luz suave de 2 a 6 semanas. Nalgúns casos recomendase macerar ao sol, como o aceite de hipérico. Compre axitar regularmente.

– Filtrar con unha tela de algodón ou un filtro de papel.

– Conservar nun lugar escuro e fresco.

A marabilla é moi sensíbel a acción directa do sol, neste caso é mellor protexer o recipiente nas horas en que o sol incida directamente nel.

Outro problema común que pode xurdir é que o aceite enrancie ou colla mofo. Normalmente isto sucede porque o aceite non recibe suficiente calor para evaporar a auga. Se isto che ten acontecido podes solucionalo dos seguintes xeitos:

-Busca un lugar mais cálido para colocar a maceración. Pode ser unha xanela na que incida o sol. Durante os primeiros días e as horas de mais calor, deixa o recipiente aberto para que se evapore a auga. Verás que se non o fas, o vidro encherase de bafo procedente da herba. Esta auga pode ser prexudicial para o aceite se non consigue saír!

Se che preocupa que o aceite caia, entre po, etc, podes cubrilo con un pano de tea, amarrado con un elástico a boca do tarro. Outra opción é cubrilo con un pano de papel e logo tapalo. Cada día cambias o pano, que irá absorbendo a humidade sobrante.

– Deixa secar as flores durante un par de días, estendidas sobre unha rede ou sobre papel sen tintar, tipo estraza. Perderán boa parte de esa humidade que logo crea problemas na elaboración do aceite.

Elaborar aceites medicinais é moi sinxelo, e unha vez que teñas un mínimo de práctica verás como podes prescindir de boa parte do botiquín ou dos aceites cosméticos que tiñas utilizado ata entón. Busca plantas polas que te sintas atraída, que desfrutes coa sua elaboración, e perde eses medos que nos teñen inculcado tan profundamente sobre utilizar plantas silvestres: déixate fluír cara o lado salvaxe!

A elaboración de aceites medicinais é sempre un dos puntos de partida en calquera obradoiro sobre cosmética dos que realizo, e tamén unha das receitas que traballamos con moitas das herbas que vemos nos cursos de plantas medicinais. Ademais deste temor á utilización de plantas vivas na preparación de remedios e ingredientes cosméticos, tamén percibo unha gran dificultade para animarnos a reinventar ingredientes comúns, das nosas cociñas, das nosas hortas, e trasladalos a estas outras facetas, distintas das de “comestibles”.

O aceite de oliva é, sen dúbida, un dos mellores aceites cosméticos que existen. A súa elevada untuosidade como a súa grande afinidade co sebo humano, converten este aceite nun medio idóneo para preparar plantas medicinais para actuar sobre a pel, como un ingrediente cosmético de primeira orden. É moi resistente ao arranciamento, o que minimiza as posibilidades de que o noso aceite ou a nosa roupa cheire a unto un par de meses despois de telo elaborado. Só o misticismo que existe co “exótico” explica que moitas veces prefiramos outros aceites. A nosa situación xeográfica fai que o aceite de oliva sexa un ingrediente adquirible, o cal é todo un privilexio. Podemos ata facer xabón con el!

Así que, sen esperar mais, saíde a buscar marabilla e sacade o aceite da lacena. Tan fácil como iso!

(por suposto, se queredes utilizar aceite de améndoas, xirasol, pebida de uva,.. ou calquera outro, podedes!)

Queres facer aceite de caléndula pero non tes caléndula?

A marabilla, tamén coñecida por Caléndula, Calendula officinalis, é esa de flores laranxas que se cultiva polas súas propiedades ornamentais e medicinais e que, ás veces, aparece sub-espontanea nas beiras dos camiños ou nas terras de cultivo.

Non é o caso escribir outro artigo sobre as propiedades desta planta. Unha simple procura na rede xa nos dará unha idea das súas famosas virtudes, especialmente no uso externo, polas súas propiedades antiinflamatorias, antisépticas, cicatrizantes, antivíricas e antifúnxicas.

Si que vén ao caso para falar da “prima” silvestre da marabilha, a Calendula arvensis, que é das primeiras floriñas da primavera e desde o mes de febreiro comeza a iluminar coas súas flores amarelas as beiras dos camiños e os terreos fértiles polos que ten preferencia.

Aínda que os usos de C. arvensis quedan algo eclipsados pola fama da C. officinalis, o certo é que as súas propiedades son similares e pódense utilizar unha en substitución da outra, sen esquecer a sutileza coa que actúan as plantas medicinais: se utilizas a marabilla (officinalis) para regular a menstruación (é un recoñecido remedio emenagogo), recomendo-che que experimentes coa marabilla (arvensis) … quen sabe!

Remedio tradicional de primavera para as hemorroides: Ranunculus ficaria.

Novo Vblog, nova xeira. Agardo que gostedes e que vos sexa de utilidade!

Co profundo desexo de que algún día podades aliviar algún pesar con algún destes remedios, traballo por levar aos novos formatos de comunicación os vellos e sabios consellos das aldeas.

Se tedes hemorroides estade moi atentas pois inauguro este canal coa herba das anadas, esta plantiña do sol, das primeiras en chamar pola primavera, que ven sendo remedio para este problema desde moi, moi antigo en toda Europa.