Remedios da nosa flora medicinal

Identificación, cultivo e elaboración de remedios con plantas

Das preto de 1.400 especies de plantas silvestres que podemos topar na Galiza, ao redor de 200 teñen consideración de medicinais e unha longa tradición no se uso farmacolóxico, desde a medicina popular ou tradicional ate a moderna fitoterapia. O obxectivo de este curso é colocar un primeiro chanzo orientado a adquirir certa autonomía á hora de procurar solucións aos nosos pequenos (e non tan pequenos) problemas de saúde, familiarizando-nos coas plantas medicinais mais comúns, as súas virtudes, a sua elaboración,… O programa mais habitual dura entre 8 e 12 horas, nas que se profundan nos seguintes temas:

Identificación de plantas medicinais: Chuchamel, cecimbra, parietaria, cedroña,… son herbas moi comúns, que moitas veces non sabemos nin nomear, menos as súas propiedades curativas. Veremos por volta de 50 herbas medicinais, na medida do posíbel (polo momento do ano) vivas, acompañando o curso con elas ou ben apoiándonos en fotos e proxeccións.

Prácticas agrícolas e herbas medicinais. Prácticas agrícolas que imposibilitan ou favorecen a reprodución e o uso das herbas medicinais adventicias. Protección de especies medicinais en perigo de extinción. Cultivo de plantas medicinais comúns na casa.

Elaboración das plantas medicinais: colleita, secado e conservación,….Introducirémonos no mundo da alquimia elaborando algúns preparados básicos con herbas, desde as infusións mais clásicas ate tinturas, aceites, emplastos, bálsamos, emulsións (cremas)… para ir dando forma ao noso receitario persoal.

Un sentimento crecente nos está a levar cara a re-consideración do noso estilo de vida e da nosa relación coa natureza. É desde esta necesidade de buscar a harmonía que a utilización de plantas medicinais do noso entorno ou cultivadas por nós e a participación activa na nosa sanación e na das persoas que queremos, está a facerse un oco nas nosas consciencias. Por isto é que a medicina popular, baseada na utilización de herbas medicinais, non é soamente historia. Aprendamos a levala para o futuro!

Consulta o temario aquí