Partilla de saberes

Dinamización de actividades interxeracionais

A partilla é a división (da terra, do pastel, dos saberes) para dar a cada quen a parte que corresponde. Neste sentido tamén evoca a idea de repartición.

A partilla coloca ao ser humano en relación con outros seres humanos. Ela permite a cada un apañar a súa parte dun lote común. A participación nese lote común é un camiño privilexiado que leva á construción dunha comunidade.

Os saberes e os coñecementos prácticos constitúen un tesouro inesgotábel onde se encontran rexistrados os segredos da supervivencia dun pobo ou dunha comunidade. Tradicionalmente, a partilla se fixo oralmente, de xeración en xeración, pero actualmente esta palabra adquiriu outras dimensións: os saberes saen dos espazos sagrados da comunidade para construír redes.

Actualmente, aprender é intercambiar informacións, mensaxes, é surfear na Internet. A día de hoxe, existen fóruns de discusión, millares de ideas circulan, pero… quen participa realmente dese formidable caldo fervillante de cultura, de puntos de vista, de valores, de coñecementos, de tecnoloxías, de informacións? Quen está fora? Que valores e saberes quedan fora?

Nun momento no que periga a transmisión cultural entre as dúas xeracións mais afastadas da historia, é necesario tomar consciencia da perda que isto supón e habilitar espazos e medios. Os obradoiros de partilla de saberes que dinamizo cumpren modestamente con esta función, achegando persoas de diferentes idades, recopilando saberes e dándolles o formato adecuado para a súa difusión na rede, co fío das plantas medicinais como punto de partida e (re)encontro. Buscando fusións estre vellas e novas técnicas, achegando a terminoloxía utilizada e facendo un intercambio de sentires sobre a vida, a saúde, a relación coa natureza, prodúcese o intercambio, a revalorización e a transmisión. Abrindo pontes de comunicación, o único xeito de non perder as raíces.

Consulta o temario aquí