(O proxecto)
Son Maria Frá.
Durante anos cultivei un amor intenso pola Terra e camiñei as nosas montañas, percibindo a dimensión verdadeira de quen nós somos. Comecei a sentir a necesidade de nomear aqueles plácidos seres, primeiro as impoñentes árbores, logo as mais pequenas herbiñas que deixaba aos meus pés.
Fai mais de dez anos que puiden experimentar por primeira vez e en min mesma o poder medicinal daquelas herbas, con grata sorpresa pois descoñecía aquel potencial curativo. Logo, os camiños da vida trouxéronme aos pés da Martiñá, onde a aperta coa Terra estreitouse no traballo agrícola e na experiencia de ser mai. Con esta bagaxe, comecei a tecer na vella rede da medicina tradicional e natural, seguindo sabios consellos e experimentando o poder das plantas medicinais directa e indirectamente.
Desde o ano 2004 transmito estes coñecementos impartindo cursos e obradoiros de identificación e utilización de plantas medicinais e dinamizando espazos de partilla de saberes. Son autora do libro “Remedios da nosa horta medicinal”, da editorial Baia Edicións.
Por medio da alquimia
vexetal cheguei ao apaixonante mundo da artesanía do xabón e da
cosmética natural, onde
a miña
natureza creativa encontrou
outro
eido de expresión, que me permite conxugar os coñecementos sobre
plantas medicinais con outros saberes relacionados coa saúde, e
esa necesidade tan humana de expresármonos plasticamente.
(devagar) é mais un pasiño nun camiño longo, no que pretendo contribuír a levar para o futuro os usos milenarios das plantas medicinais do noso entorno, conxugando unha longa tradición con necesidades, coñecementos e posibilidades novas, e adaptando os formatos e os contidos para facer viable a transmisión cultural no contexto das novas tecnoloxías de comunicación e de novos espazos de encontro.